ESPAÑA, CUN GRAN TRABALLO DEFENSIVO, GOLEA A LITUANIA NUN LALÍN ARENA CHEO ATA A BANDEIRA
Os primeiros compases serviron para coller o tren da competición, e cun 6:0 moi profundo e Hombrados resolvendo baixo paus (7 paradas na primeira metade, unha delas dende os 7 metros), España fíxose forte atrás.
Iker Romero asumiu os galóns da selección, desbordando compases da calidade que sempre lle precedeu, o que sumado ás dúas superioridades consecutivas en ataque e o traballo atrás, serviu para adquirir unha notable vantaxe (9:3 no 17), obrigando o técnico lituano Arturas Juskenas a solicitar un tempo morto.
Lonxe de cortar a sangría, un parcial de 4:0 para España que baseaba o xogo na intensidade defensiva, o que levaba consigo roubos de balón que desencadeaba en rápidos contraataques, rompeu definitivamente o partido ,marchándose ao descanso 12 arriba (17:5) anulando o minguado potencial ofensivo dunha Lituania que parecía non saber como parar o ciclón español.
En plena festa nas bancadas do Lalín Arena, o descanso serviu para que Valero dese entrada ao único internacional que aínda non xogara, Serra, que realizou trinta minutos de mérito con 7 paradas.
Con todo sentenciado, o xogo entrou nun intercambio que languidecía o espectáculo ata que, un novo aire defensivo volvía proporcionar outro parcial de 4:0 para colocarse 30:11 a 8 minutos para o final, momento que aproveitaron os Maqueda, García Parrondo, Cañellas ou Entrerríos para completar as estatísticas.
Antonio García, debutante no día de hoxe, non esquecerá o minuto 45 do choque no que anotou o primeiro gol co equipo nacional.
Ficha técnica
Parciais cada 5': 2:1 - 4:1 - 7:3 - 11:3 - 13:4 - 17:5 (descanso) 20:7 - 23:9 - 25:9 - 28:11 - 32:14 - 33:17
Árbitros: Michal Badura e J. Ondogrecula (SVK). Excluíron a Garabaya, García Parrondo e Maqueda por parte de España, e a Cibulskis, Andriuska, Strazdas e Cepulis por parte de Lituania.
Incidencias: Lalín Arena. 3.000 espectadores. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo, xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, o seu concelleiro de Deportes, Nicolas Valera, e o presidente da R.F.E.BM., Juan de Dios Román, procederon á inauguración da instalación nos prolegómenos do partido.